16/05/24
Nos séculos XVI e XVII, Nápoles era, xunto a París, a cidade máis populosa de Europa, un centro de encontro cultural mediterráneo, cun riquísimo ambiente literario, que contribuíu a potenciar o talento dos autores e autoras españolas. “O exemplo de Garcilaso é, acaso, o máis célebre, pero o menos coñecido de Juan de Valdés, promotor dun grupo de destacados humanistas inclinados ao erasmismo o ao luteranismo, é elocuente mostra da importancia de Nápoles no desenrolo dunha cultura e dunha infraestrutura intelectual de primeiro orde. Non se esqueza neste aspecto, a forte pegada de virreis coma Pedro de Toledo, duque de Alba e marqués de Vilafranca do Bierzo, ou coma o galego Pedro Fernández de Castro, Conde de Lemos, impulsores decididos da expansión urbana, artística e literaria da cidade partenopea”, destaca Manuel Ángel Candelas Colodrón, catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da UVigo e autor de Nápoles en la literatura española de los siglos XVI y XVII. Textos literarios, ambiente cultural e intercambios intelectuales en el virreinato.
O volume, editado polo Servizo de Publicacións da UVigo na categoría de Monografías. Serie Humanidades e Ciencias Xurídico-Sociais, ten a súa orixe, por unha banda, segundo recoñece Candelas, na súa fascinación persoal pola cidade de Nápoles, “que conserva unha singularidade extraordinaria na actualidade, malia a globalización e a homoxeneización cultural en Occidente”. Pero tamén, explica o autor, na procura dunha explicación histórica, social e política a esa singularidade a través dos textos, escritos en lingua española, “que dunha forma, máis ou menos profunda, teñen que ver co ambiente e coa vida cotiá da cidade durante o período do virreinato, entre comezos do século XVI ata o momento da guerra de Sucesión española contra finais do século XVII, baixo o dominio da monarquía dos Austrias”.