25/02/2026
As diferentes escolas e facultades da Universidade de Vigo comezan a quentar motores para a celebración do 8M, o Día Internacional da Muller, e desde a Facultade de Filoloxía e Tradución, primeiro centro da UVigo en acadar o Distintivo de Igualdade, quixeron xa celebrar este mércores unha iniciativa que serve de pórtico aos diferentes actos que se levarán a cabo ao longo da vindeira semana. Falamos da inauguración da exposición Universo Quixotas, un proxecto que achega ao público múltiples variantes do mito literario de don Quixote protagonizadas por mulleres.
Promovida polo profesor José Montero Reguera, decano da facultade, no marco das actividades que está a desenvolver dentro do grupo de investigación Ediciones y estudios de literatura española, e-LITE, e o Instituto de Investigación iLingua da UVigo, a mostra poderá visitarse ata finais de abril e complétase cunha exposición bibliográfica na biblioteca do centro, organizada coa colaboración do seu persoal, tal e como explicou Montero Reguera no acto inaugural.